Durante as últimas semanas do mes de abril, aproveitando as celebracións deste mes, como o día do Libro e o da Literatura Infantil e Xuvenil, acordamos celebrar unha Expociencia de pais e alumnos que foi todo un éxito.
Divertímonos moito e démoslle ao coco coas exposicións científicas e os trucos de maxia científicos de Carlos, o pai de Alba e Carlitos. Aprendemos de densidades e escachamos coa risa co crecepelo de Analía e seu pai Jorge que xuntos fixeron unha exposición moi amena e sincronizada no diálogo.
Os alumnos do 2º grupo convertéronse en grandes científicos axudándonos a comprender a presión atmosférica a través dunha vela, crearon unha lámpada de lava, conseguiron manter pelotas de pinpón en suspensión co aire dun secador, explicaron a execución de xoguetes científicos como o espectroscopio, o xoguete aerodeslizador e o simple xogo do teléfono con vasos de iogur.
Con outros experimentos tamén lograron plantar lume na auga engadindo un gas inflamable, fixeron unha explosión con mentos e coca cola e mesmo conseguiron introducir un ovo nunha botella así como fabricar un extintor caseiro ou rachar un bloque de xeo cun cable de cobre e comprobar como se volve a soldar de novo.
Aprendemos moito de ciencia nestas xornadas e unha vez máis fixemos da nosa biblioteca un lugar de encontro, convivencia e aprendizaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario