jueves, 11 de enero de 2024

APRENDENDO MÁIS SOBRE CANASTROS

O venres 1 de decembro aprendemos moito sobre unha forma de arquitectura rural moi característica da paisaxe galega.

Hórreo, cabaceiro, canizo, sequeiro, cacipo ou canastro (que é como na nosa zona se lle coñece) son algúns dos nomes que recibe esta construción dependendo da zona de Galicia.

Pasamos un rato moi agradable falando cun experto do tema.




martes, 9 de enero de 2024

DECORACIÓN DE NADAL EN ALLARIZ

 Para celebrar o final do primeiro trimestre fixemos unha saída a Allariz para ver a decoración de Nadal. Gozamos moito do decorado que fixeron os veciños e veciñas da vila, pero o que máis nos sorprendeu é que o Elfo apareceu entre o decorado. Que sorpresa!

Ademais de pasear polas súas rúas subimos ao outeiro máis alto de Allariz, coñecido como O Castelo, para ver a paisaxe desde o máis alto.




domingo, 7 de enero de 2024

A MAXIA DE LOLI

 Os Bolechas visitaron Ramirás e invitáronnos a súa actuación de maxia. Co show de Loli pasamos un intre moi divertido, aínda que algún dos nosos nenos case desaparece cos seus trucos de maxia. Pero tamén aprendemos que non debemos deixar de tentar aquilo co que soñamos.

Aproveitamos esta visita dos Bolechas para dar un paseo pola nosa contorna, gozando da paisaxe e da decoración de Nadal que había nas rúas.




 

jueves, 7 de diciembre de 2023

A DIVERSIDADE É RIQUEZA

Colaboramos co CEE Miño na celebración do Día internacional das persoas con diversidade funcional. Deixamos o noso hashtag na corda da súa buxaina, para unirnos á súa mensaxe #xirandoxuntos. 
Podedes ver como quedou o seu trompo visitando a páxina web do CEE Miño.  

Aquí vos deixamos unha foto do noso hashtag e unha selección de lecturas recomendadas para conmemorar este día. 






lunes, 27 de noviembre de 2023

CORRENDO EN MUÍÑOS

 O 21 de novembro o alumnado de 2º a 6º desprazouse ata Muíños para participar nas carreiras de campo a través que están enmarcadas dentro do programa XOGADE.

Pasamos unha mañá agradable gozando da natureza, ademais de correr e pasalo ben. Aquí vos deixamos algunhas imaxes dese día.








sábado, 25 de noviembre de 2023

25N - DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

No cole conmemoramos o Día iternacional da eliminación da violencia de xénero baixo o lema Axúdanos a pór moitas lentes violetas. 

Para este lema tomamos prestada a metáfora "das lentes violetas" de Gemma Lienas, autora do libro O diario violeta de Carlota. Este libro conta a historia dunha nena que recibe a misión da súa avoa de observar o mundo cunhas lentes violetas, é dicir desde unha óptica feminista e igualitaria. Nós tamén quixemos pór as lentes violetas para ser conscientes das discriminacións que día a día sofren as mulleres.

Ademais, o alumnado de 4º e 6º desprazouse ata Celanova para participar, con outros centros da contorna, nun acto conmemorativo.




miércoles, 22 de noviembre de 2023

MIRA QUE BOCA


O pasado mércores día 15 de novembro visitounos Marisol, unha hixienista dental que nos presentou o programa
Mira que boca.

Contounos de forma lúdica como manter unha adecuada hixiene e saúde bucodental, para iso falounos do cepillado e da alimentación. 


Foi moi interesante e aprendemos unha chea de cousas. 







jueves, 16 de noviembre de 2023

CELEBRANDO O MAGOSTO

Aquí vos deixamos un vídeo que resume o noso magosto. Foi unha mágoa que o tempo non nos deixase gozar ao aire libre, pero asegurámosvos que aínda así pasámolo xenial. 




viernes, 10 de noviembre de 2023

DEICA O PRÓXIMO SAMAÍN

É sabido por todos que neste colexio gústanos celebrar o Samaín. Este ano non ía ser menos! Pasámonolo xenial con todas as actividades que realizamos e, por suposto, coa visita ao Túnel da Bruxa. 

Deixámosvos un vídeo que recolle algún dos momentos máis divertidos e terroríficos da semana pasada.